08/09/2026
Non puido ser esta vez e os deportistas do Club Salvamento Sada non lograban ningunha medalla en Razo nos seus respectivos Campionatos de España, citas do máximo nivel, na que os nosos deportistas se medían con algúns dos mellores especialistas do país.
De martes a xoves era a quenda dos Xuvenís e Júnior do SASA, tres deportistas da primeira categoría e un da segunda:
En Xuvenil, Pablo Fernández protagonizou unha salientable actuación nas probas de praia. Tanto en Bandeiras como en Sprint entraba nas finais e logrou a 16.ª posición en ambas .
Hadrián Gago participaba nas probas de Nadar Surf e Carreira con Táboa, sumando experiencia no seu haber.
César Veira demostrou, unha vez máis, a súa polivalencia e bo facer. Asinou un 13.º posto en Carreira con Táboa e un magnífico 10.º posto en Carreira con Ski, alén de participar en Sprint e Ocean.
Diego Pena, o único Júnior, estivo preto de alcanzar a final en Carrera con Táboa, onde conseguiu unha estupenda 18.ª posición. Tamén participaba en Bandeiras, nas que non puido entrar nunha final moi complicada pola alta participación de deportistas, como na maioría de probas.
De venres a domingo tocáballe a quenda aos e ás deportistas absolutos. Neste caso eran nove os e as participantes, cun xuvenil e un júnior incluídos.
Os resultados, a pesar de todo o esforzo, non foron os esperados e salvo o caso de Irene Lasarte que se coaba na final de Sprint e lograba finalmente un posto 18, os demais participantes tivéronse que contentar cos resultados obtidos nas probas de relevos:
Un posto 9 no de Ski Feminino, con Irene, Lucía Díaz e Noa Sande; un posto 15 no mesmo Relevo masculino con Hugo Castro, César Veira e Diego Pena, os mesmos deportistas que no Relevo de Táboa lograban unha 12ª posición. No de Sprint, aos tres uníaselles Pablo Polanco para conseguir ser decimo quintos, idéntica posición que en Rescate con Táboa lograban o xuvenil César e o júnior, Diego.
Enya Rumbo e Marta Couceiro completaban a listaxe de participantes por parte do Club Salvamento Sada, nunha competición na que acudían máis de 600 deportistas e que estivo marcada pola esixencia, o alto nivel e a necesidade de adaptarse ás sempre complicadas condicións desta praia.
Máis aló dos resultados, ambas as competicións deixaron patente o enorme esforzo e a capacidade de superación dos e das deportistas do noso club.
Porque detrás dunha clasificación que non cumpre as posibles expectativas desexadas hai un enorme traballo diario de adestramentos e dedicación. E, nun deporte como o salvamento e socorrismo, onde as diferenzas entre os mellores poden decidirse en segundos, un campionato non borra o acadado durante todo o ano.
Parabéns a todos e todas, deportistas e corpo técnico, moitas grazas por representar, unha vez máis, ao noso club.
Vémonos a próxima tempada, co mesmo obxectivo de sempre: volver competir, volver traballar e seguir desfrutando do noso deporte
Na nosa web podedes ver os resultados completos
https://salvamentosada.com/
oficial